
Christian, sexto por la derecha
Deu o salto do Infantil B ao Infantil A do Bergantiños a finais de xaneiro. Christian Gómez é o adestrador dun dos mellores equipos do grupo 1 de Fase de Descenso en Liga Galega.
Nota do equipo no que vai de temporada.
Un 7. Tanto Rodri como Marcos Pereiro deixaron ao equipo nun nivel competitivo moi alto e agora estamos en liña ascendente.
É xusta a clasificación?
As clasificacións adoitan ser bastante xustas á hora de medir a capacidade competitiva dos equipos. Nalgúns partidos mereces máis e non o consegues gañar e noutros todo o contrario. Compénsase todo.
En que zona esperaba que estivese o equipo a estas alturas da tempada?
A clasificación actual é moi subxectiva porque hai equipos que non se enfrontaron a outros contra os que, a priori, non deberían puntuar e viceversa. Aínda así, Bruno e máis eu estamos moi contentos coa posición actual do equipo fóra do descenso.
“Este grupo representa á perfección a sinerxia, onde o resultado do traballo do colectivo é superior ao da suma do traballo individual”
O equipo mellorou máis a nivel individual ou colectivo?
A mellora a nivel individual implicou a mellora a nivel colectivo. Este grupo representa á perfección a sinerxia, onde o resultado do traballo do colectivo é superior ao da suma do traballo individual.
Cal é o xogador que máis evolucionou?
Todos. Todo o grupo deu un paso adiante e progresou moito. Por destacar a alguén, sería aos xogadores e xogadora de primeiro ano pola capacidade de sumar a pesar de ter un contexto máis difícil.
Cal é o MVP da temporada no Bergantiños?
Repartiríamolo entre todos.
“Xogamos en función das características de cada xogador, tendo en conta tamén as variantes que nos permite a versatilidade de varios deles”
Conseguiu que o equipo xogue ao que pretendía antes de comezar a liga?
Si. Estamos xogando en función das características de cada xogador e xogadora que temos, tendo en conta tamén as variantes que nos permite a versatilidade de varios deles.
Con que sistema rende mellor o seu equipo?
Co sistema que estamos xogando habitualmente: o 1-4-4-2. Dótanos de maior solidez defensiva debido a unha boa ocupación racional do espacio e facilita a presión que facemos.
Son importantes as xogadas a balón parado ou son situacións secundarias?
Gustaríame darlle maior importancia porque considero que é un factor de rendemento moi determinante. O problema é que só adestramos dous días e hai que priorizar situacións e contidos.
“O 1-4-4-2 dótanos de maior solidez defensiva debido a unha boa ocupación racional do espacio e facilita a presión que facemos”
Que valor ten o rival na preparación dun partido de liga?
Ao principio, bastante, porque consideras que é o camiño máis rápido para sumar pero, co paso das xornadas, encontrámonos con dúas situacións que nos fixeron restarlle valor: o rival tamén se adapta a ti e modifica certos comportamentos que ti pretendías anticipar e, por outro lado, unha reflexión sobre a necesidade de destacar as túas propias cualidades en momentos difíciles e non as do rival.
Como mantén contacto cos seus futbolistas na situación actual?
Mantemos o contacto principalmente a través de WhatsApp. O primeiro que lles pedimos é que sexan responsables e queden na casa. O segundo, que intenten facer exercicio físico diario para suavizar a perda de forma. Nese sentido, agradézolle ao club as facilidades mostradas en canto a material e recomendacións.
Cal foi o equipo da liga que máis lle gustou?
O Racing de Ferrol. É un equipo moi versátil: tanto domina o xogo combinativo como o ataque directo.
“O rival tamén se adapta a ti e modifica certos comportamentos que ti pretendías anticipar”
Cal foi o mellor partido do seu equipo esta temporada?
Curiosamente, contra o Racing de Ferrol. Fomos capaces de neutralizar todos os seus inicios e xerar moitas ocasións de gol.
De que derrota aprendeu máis?
A derrota en Viveiro. Para nós era un partido importante polo rival e o momento clasificatorio e non fomos capaces de superar a un rival ultracompetitivo. Ese día axudounos a madurar e a nunca dar nada por feito.
En que cambiou o fútbol base da actualidade respecto ao de fai dez anos?
Principalmente o nivel técnico e volitivo. Antes, os xogadores tiñan unhas capacidades técnicas moito máis altas, pasaban moitas máis horas xogando ao fútbol na rúa. Ademais, a sobreprotección que existe na actualidade fai que sexan menos competitivos. Aínda así, temos aos xogadores de exemplo da gran formación a nivel táctico dos adestradores. Só hai que escoitar aos rapaces comunicarse durante un partido e ver o repertorio de comunicacións e solucións tácticas que dan.
“Os clubs deberían apostar máis pola figura do analista; permitiría avaliar todos os procesos e motivar con maior facilidade aos xogadores”
Adéstrase mellor a técnica en campos de herba artificial ou nos de terra?
Depende que tipo de accións e ten que ver coa recurrencia e coa necesidade das mesmas. O bote irregular provocaba que certas accións técnicas fosen máis vivenciadas e adestradas. Por exemplo, había mellores pasadores en longo pero peores pasadores en curto. O terreo de xogo e a cultura inflúen.
Formar e intentar gañar ou gañar e intentar formar?
Competir ten que ser parte da formación. A formación ten que ser o proceso que nos permita gañar.
É un problema o espacio do que se dispón para realizar un adestramento?
Evidentemente, ter menos espacio é un problema que lle resta calidade ás sesións porque é unha variable modificable máis das tarefas. Aínda así, considero que aí está o inxenio de cada adestrador para sacarlle proveito. Os mércores traballamos en espacio máis amplos e orientamos o adestramento á fase ofensiva, mentres que os venres traballamos en espacios máis reducidos e orientamos o adestramento a aspectos defensivos.
“É crucial ser capaz de motivar para que os xogadores queiran executar e confíen no que se lles transmite”
Cre nas técnicas de motivación no fútbol base ou están reservadas para o fútbol amateur?
É un aspecto fundamental. Fai uns anos, o aspecto volitivo non era un problema pero hoxe en día é crucial ser capaz de motivar para que os xogadores queiran executar e confíen no que se lles transmite.
Emprega o soporte de vídeo co seu equipo?
O ano pasado utilizamos moito o vídeo para análise pero esta tempada decidimos non facelo por falta de tempo. Considero que os clubs deberían apostar máis pola figura do analista, así o tempo non sería un problema e permitiría avaliar todos os procesos e motivar con maior facilidade aos xogadores.
Como deben resolverse as competicións profesionais e as non profesionais que se suspenderon polo COVID-19?
Toda medida que non sexa xogar sería inxusta porque a clasificación actual é sesgada e só representa o nivel dado, non o que está por dar. Estamos condicionados polas datas e, mentres non se saiba cando remata isto, é difícil afirmar algo. Aínda así, considero pouco viable que se disputen as competicións de fútbol base porque non se podería xogar entre semana debido a desprazamentos e escola. Non olvidemos que o fútbol é un xogo e non pasaría nada porque se reanude a competición como se empezou na temporada seguinte.
O TEST DO MÍSTER 📝
- Traballa sempre o balón parado os venres? ✅
- Música no vestiario os días de partido? ✅
- Grito do grupo antes de comezar os encontros? ✅
- Roupa de rúa no banco nos partidos? ❌
- Queda no vestiario durante o quecemento? ❌
- Diríxese ao árbitro durante os partidos? ✅
- Os suplentes quecen sen un adestrador/axudante? ✅
- Entra no campo cando da indicacións? ❌
- Ten unha relación próxima cos pais dos xogadores? ❌
- Fixo algún adestramento sen balóns? ❌
Más historias
David Pérez: «No dejamos que los niños piensen ni que se equivoquen… Les damos entrenamientos muy dirigidos»
Diego Puentes: «Gañar é unha consecuencia do traballo ben feito e doutros tantos factores (algún incontrolable)»
Luis Vilachá: «Debemos aprovechar la motivación de los niños y alimentarla para que no desaparezca»