Cantera Galicia

Información del fútbol base gallego

Zalo Suárez: “Querer levar sempre a iniciativa e expoñernos fai que teñamos poucos puntos”

Zalo (d), adestrador do Bergan B

A falta de dez xornadas para que remate a Liga Galega Cadete, o Bergantiños B ocupa a antepenúltima praza. O equipo que adestra Zalo Suárez acumula doce xornadas consecutivas sen gañar. O seu último triunfo foi o 23 de novembro ante o Racing de Ferrol (5-0), onde o Bergan B deixou moi boas sensacións.

Nota do equipo no que vai de temporada.
A pesar do que di a clasificación e de que fomos de máis a menos, para min, a nota sería un notable. Valoro moito o sacrificio que fan os nenos vindo a adestrar tres días tanto os que viven próximos ao campo coma, sobre todo, os que veñen desde Camariñas, Cee, Cabana, Santa Comba… E tamén pola predisposición para facer o que lle propoñemos os adestradores (Aitor e eu).

É xusta a clasificación?
Desde o meu punto de vista, sen buscar escusas, merecemos máis puntos. Houbo partidos nos que os rapaces chegaron a amosar un nivel moi alto pero, por detalles pequenos, non se gañaron.

En que zona esperaba que estivese o equipo a estas alturas da tempada?
A pesar de que normalmente as clasificacións poñen a cada un no lugar que corresponde, esperaba estar na metade da táboa e máis vendo como iniciamos a liga. Tamén sabemos que querer levar sempre a iniciativa e expoñernos -para min debería ser sempre así en formación- fai que teñamos poucos puntos. Tamén hai que ter en conta que o 95% do equipo son cadetes de primeiro ano, un factor condicional moi importante.

O equipo mellorou máis a nivel individual ou colectivo?
Intentamos adestrar as dúas, basicamente porque creo que, para mellorar colectivamente, o xogador ten que seguir enriquecéndose individualmente. Pero este equipo é máis forte polo colectivo que polo individual.

“Valoro moito o sacrificio que fan os nenos vindo a adestrar tres días desde Camariñas, Cee, Cabana, Santa Comba…”

Cal é o xogador que máis evolucionou?
Polo sacrificio de vir case sempre a adestrar e ter predisposición, todos me sorprenderon para ben pero á maioría dos nenos xa os adestrei a pasada tempada.

Cal é o MVP da temporada no Bergantiños B?
Volvo repetir: o mellor xogador é o colectivo.

Conseguiu que o equipo xogue ao que pretendía antes de comezar a liga?
Creo que é moi complicado chegar ao que me gustaría en canto a idea de futbol, pero estou satisfeito. Primeiro porque houbo partidos nos que os nenos conseguiron levar a idea de xogo combinativo e dominar a través do balón; e segundo, e máis importante, porque sempre cren na idea de xogo.

Con que sistema rende mellor o seu equipo?
Probamos varios sistemas, pero o que máis me gusta a min polos xogadores que temos é o 1-5-2-3.

“Este equipo é máis forte polo colectivo que polo individual”

Son importantes as xogadas a balón parado ou son situacións secundarias?
Para min son fundamentais, xa que hai equipos de alto rendemento que conseguiron grandes obxectivos, en gran parte, gracias ás xogadas a balón parado. En formación, priorizo outras cousas como os aspectos técnicos polo que, ata hai uns meses, non traballei case nada de balón parado.

Que valor ten o rival na preparación dun partido de liga?
Son dos que pensa que hai ter a idea propia clara -sen que te enfrontes a rivais moi superiores-, pero paréceme fundamental saber catro ou cinco aspectos do rival para poder facilitar certas cousas aos meus xogadores.

Como mantén contacto cos seus futbolistas na situación actual?
Comunicámonos mediante WhatsApp para sager como están e tamén realizamos o xogo de dar toques para rirnos un pouco. Ao mesmo tempo, envíolles un traballo que nos facilitou a coordinación para facer nas casas e intentar que cando se retome a competición cheguen nas mellores condicións.

“Houbo partidos no que os nenos conseguiron levar a idea de xogo combinativo e dominar a través do balón”

Cal foi o equipo da liga que máis lle gustou?
Hai tres ou catro equipos que están moi por riba do resto, sobre todo a nivel condicional, pero a min o que máis me gustou foi o Boiro. É un equipo moi completo que, con balón, sabe moi ben ao que xoga e, sen balón, é un equipo moi agresivo e competitivo.

Cal foi o mellor partido do seu equipo esta temporada?
Dumbría (gañamos 2-1) e Racing de Ferrol B (gañamos 5-0) na primeira volta. Foron os partidos nos que mellor se puido ver a nosa idea.

De que derrota aprendeu máis?
Intentamos aprender de cada un dos partidos e, sobre todo, corrixir e mellorar erros que cometemos a nivel individual e colectivo.

“O Boiro é un equipo moi completo que, con balón, sabe moi ben ao que xoga e, sen balón, é un equipo moi agresivo e competitivo”

En que cambiou o fútbol base da actualidade respecto ao de fai dez anos?
Creo que ten cousas boas e malas. Os clubs teñen máis e mellores recursos para a formación (material, adestradores mellor formados…). En canto ao negativo, boto de menos o fútbol de rúa: pillerías, mal perder, chispa…

Adéstrase mellor a técnica en campos de herba artificial ou nos de terra?
Creo que nos campos artificiais.

Formar e intentar gañar ou gañar e intentar formar?
Sen ningunha dúbida, formar e despois gañar. Os adestradores do fútbol base debemos axudar a que cada neno se enriqueza o máximo posible para o seu futuro (nós tamén aprendemos con isto) e non querer sacar o potencial que teñen nunha etapa determinada só por querer gañar.

“Os adestradores do fútbol base debemos axudar a que cada neno se enriqueza o máximo posible para o seu futuro e non pensar só en gañar”

É un problema o espacio do que se dispón para realizar un adestramento?
Todo adestrador quere dispoñer dun campo completo e de 22 xogadores. No Bergantiños, tendo en conta que hai máis de 500 licencias, o tema de espacio e do material está moi ben estructurado.

Cre nas técnicas de motivación no fútbol base ou están reservadas para o fútbol amateur?
Si, eu son moi de técnicas de motivación e tamén no fútbol base. Cun bo estado de ánimo, todo sae mellor.

Emprega o soporte de vídeo co seu equipo?
Esta tempada non o empreguei moito, pero creo que é un recurso moi bo. Hai que ter en conta a categoría e o grupo que dirixes pero é algo que deberían de empregar todos os equipos. Outra forma de axudar na aprendizaxe.

“O máis lóxico e fácil para a maioría dos equipos sería deixar esta tempada en branco»

Como deben resolverse as competicións profesionais e as non profesionais que se suspenderon polo COVID-19?
Primeiro hai que ver se se vai prolongar moito (por desgracia para sociedade, en xeral, non pinta moi ben). Nese caso, o máis lóxico e fácil para a maioría dos equipos sería deixar esta tempada en branco.

Como deben resolverse as competicións profesionais e as non profesionais que se suspenderon polo COVID-19?
Habería que acabar as competicións, pero dependerá de canto tempo teñamos que estar de cuarentena.

O TEST DO MÍSTER 📝

  1. Traballa sempre o balón parado os venres?
  2. Música no vestiario os días de partido?
  3. Grito do grupo antes de comezar os encontros?
  4. Roupa de rúa no banco nos partidos?
  5. Queda no vestiario durante o quecemento?
  6. Diríxese ao árbitro durante os partidos?
  7. Os suplentes quecen sen un adestrador/axudante?
  8. Entra no campo cando da indicacións?
  9. Ten unha relación próxima cos pais dos xogadores?
  10. Fixo algún adestramento sen balóns?

A %d blogueros les gusta esto: