Cantera Galicia

Información del fútbol base gallego

Martín Vecino: «A derrota contra o Caranza ensinounos o nivel da liga e que nunca debemos de deixar de competir»

Martín Vecino, entrenador del Dumbría

Gañou sete partidos nas primeiras 24 xornadas do grupo 1 da Liga Galega Cadete e está na zona baixa da clasificación, aínda que fóra dos postos de descenso. Unha desas vitorias do equipo de Martín Vecino foi no Conco ante o Deportivo B, o líder da competición que só perdeu un encontro en toda a tempada.

Nota do equipo no que vai de temporada.
Un 6. Estamos a competir ben pero son esixente comigo e cos rapaces. Tanto eu coma eles queremos e pensamos en acabar mellor a temporada.

É xusta a clasificación?
Sempre digo que o fútbol pon cada un no seu lugar. Aínda que penso que escapou algún punto que non debía escapar, estamos onde merecemos. Penso que o equipo seguirá medrando e sacando mellores resultados.

En que zona esperaba que estivese o equipo a estas alturas da tempada?
Esperaba ter máis puntos e poder estar máis tranquilo na recta final, pero tiña claro que a nosa zona ía a ser a media-baixa.

O equipo mellorou máis a nivel individual ou colectivo?
Teño moitos rapaces de primeiro ano que veñen de infantís e que medraron moito a nivel individual. Moitos deles nunca competiran en Liga Galega e tamén melloraron individualmente. O cambio máis grande, desde a primeira semana a esta, é a nivel colectivo, xa que é o que necesitamos para poder competir nesta liga. Temos un grupo moi unido.

«Teño moitos rapaces de primeiro ano que veñen de infantís e medraron moito a nivel individual»

Cal é o xogador que máis evolucionou?
Non me gusta falar dun só rapaz. Hai varios que, desde o inicio da temporada, evolucionaron moito no seu xogo. Moitos veñen de infantís da Costa e están a traballar moito e ben para poder mellorar e competir en Galega.

Cal é o MVP da temporada no Dumbría?
Non me gusta individualizar. Temos un grupo unido e moi traballador con poucas individualidades. Iso é o que nos caracteriza.

Conseguiu que o equipo xogue ao que pretendía antes de comezar a liga?
Empezamos a temporada moi pouco a pouco, con poucos rapaces, xa que do equipo do ano pasado pasaron moitos para xuvenís e quedaron poucos no Cadete. Cando xa estabamos todos os que estamos, puidemos comezar a traballar como queríamos.

Con que sistema rende mellor o seu equipo?
Estamos a xogar cun 1-4-2-3-1. Intentamos xogar xuntos porque, nesta liga, os equipos da parte alta teñen un nivel alto, moitos xogadores de segundo ano que están moi ben traballados e sométenche e fanche traballar moito nos partidos. Sentímonos cómodos xogando con ese sistema xuntos xa que arriba temos velocidade para facer dano en saídas rápidas.

«Sentímonos cómodos xogando co 1-4-2-3-1 xuntos, xa que arriba temos velocidade para facer dano en saídas rápidas»

Son importantes as xogadas a balón parado ou son situacións secundarias?
Doulle importancia ao balón parado. Nas charlas antes dos partidos sempre as repasamos e intentamos, tanto eu como Cristian, o meu axudante, que os rapaces teñan claro o que teñen que facer en cada momento das xogadas a balón parado.

Que valor ten o rival na preparación dun partido de liga?
Sempre temos algunha información do rival. Acostumo a gravar os partidos para poder correxir cousas e para ter información dos rivais. Aínda así, o que máis me importa é o traballo do meu equipo e estar pendente de cada un dos meus xogadores.

Como mantén contacto cos seus futbolistas na situación actual?
É unha situación complicada. Falo con eles por WhatsApp e dígolles que, o que teña a oportunidade de facer exercicio e estar activo, que intente traballar. É complicado porque non todos teñen esa disponibilidade e tamén hai rapaces que para que traballen hai que estar enriba deles. É complicado ao non poder saír da casa.

Cal foi o equipo da liga que máis lle gustou?
Hai varios equipos de nivel alto, pero os que máis me gustaron foron Montañeros e Boiro. O Montañeros ten boa saída de balón, mobilidade nos rapaces do medio campo e moi boa toma de decisión. Ademais teñen bastantes rapaces de segundo ano con bo nivel fisico e nesta liga nótase.

«Acostumo a gravar os partidos para poder correxir cousas e para ter información dos rivais»

Cal foi o mellor partido do seu equipo esta temporada?
Tivemos varios partidos bos. Se teño que quedar con un, quédome co do Deportivo B no Conco. Saímos con moitas gañas e coas ideas claras. Chegabamos de varias vitorias seguidas. Puxémonos 2-0 gañando na primeira parte xogando xuntos, presionando bastante alto e recuperando moitos balóns. Destaco a toma de decisións tras o roubo para poder facer dano en ataque. Na casa estamos a competir e a xogar moi ben.

De que derrota aprendeu máis?
De todas as derrotas aprendemos. Falamos no primeiro adestramento da seguinte semana e temos os vídeos para ensinarllos aos rapaces. Se teño que destacar unha derrota, foi a do partido co Galicia Caranza en Ferrol. Foi partido malísimo no que baixamos os brazos ás primeiras de cambio e sufrimos unha goleada dolorosa. Competimos en todos os partidos, pero ese ensinounos o nivel da liga e que nunca debíamos de deixar de competir.

En que cambiou o fútbol base da actualidade respecto ao de fai dez anos?
Positivamente cambiou e en que todos os que estamos cos rapaces diariamente e nos gusta isto, temos a oportunidade de estar máis preparados. O negativo é que cada vez hai menos nenos e os que hai cústalles cada vez máis o de vir a adestrar.

Adéstrase mellor a técnica en campos de herba artificial ou nos de terra?
Sempre adestrei en campos de céspede artificial, pero penso que non hai excusa para non traballar ben en ningunha das dúas superfiocies. Só se necesita traballo, traballo e traballo.

«Da vitoria contra o Deportivo B destaco a toma de decisións tras o roubo para poder facer dano en ataque»

Formar e intentar gañar ou gañar e intentar formar?
O importante no fútbol base é formar aos rapaces e digo formar tanto a nivel deportivo como a nivel de persoa. Pasamos moito tempo cos rapaces e os adestradores temos que sacar o mellor deles no plano deportivo e, sobre todo, no persoal. Tamén é certo que para nós nesta tempada é importante a permanencia en Liga Galega, xa que é unha liga na que os rapaces teñen máis esixencia á hora de competir.

É un problema o espacio do que se dispón para realizar un adestramento?
Teño unha media de 16-18 rapaces nos adestramos e, unha vez por semana, temos o campo enteiro e o resto dos días medio campo. Con este número de rapaces necesítase polo menos medio campo para poder traballar ben e mellor aínda se se pode traballar un día á semana en campo completo.

Cre nas técnicas de motivación no fútbol base ou están reservadas para o fútbol amateur?
Cada vez máis, os rapaces móvense por motivacións.

Utiliza o soporte de vídeo co seu equipo?
Gravo os partidos e non sempre pero a veces vemos vídeos. É bo que os rapaces se vexan, xa que hai algún ao que lle entra mellor a información pola vista que polo oído.

«É bo que os rapaces se vexan, xa que hai algún ao que lle entra mellor a información pola vista que polo oído»

Como deben resolverse as competicións profesionais e as non profesionais que se suspenderon polo COVID-19?
Habería que acabar as competicións, pero dependerá de canto tempo teñamos que estar de cuarentena.

O TEST DO MÍSTER 📝

  1. Traballa sempre o balón parado os venres?
  2. Música no vestiario os días de partido?
  3. Grito do grupo antes de comezar os encontros?
  4. Roupa de rúa no banco nos partidos?
  5. Queda no vestiario durante o quecemento?
  6. Diríxese ao árbitro durante os partidos?
  7. Os suplentes quecen sen un adestrador/axudante?
  8. Entra no campo cando da indicacións?
  9. Ten unha relación próxima cos pais dos xogadores?
  10. Fixo algún adestramento sen balóns?

A %d blogueros les gusta esto: